lunes, 6 de junio de 2011

Quén é capaz de manter a liberdade de pensamento?

Cando entramos na adolescencia e esperta o noso espírito revolucionario,  a sensación de que podemos comernos o mundo, de que a nosa xeración é “A xeración”, non nos decatamos do vulnerables que somos á corrupción. Refírome á corrupción da nosa forma de pensar, á perda da liberdade de pensamento. Agora mesmo, seguramente estaredes asociándoo a alguén que vos pretende inculcar as súas ideas en contra da vosa vontade, pero non é tan sinxelo. A publicidade, os nosos familiares e amigos, a prensa… inconscientemente están a modificar a nosa opinión. Cantos de vós sodes do Barça ou do Madrid porque voso pai o é?
Son estudante de Bacharelato, e pouco a pouco os meus compañeiros e eu ímonos preocupando pola política. Este é un tema moi delicado pero un gran exemplo para o que intento explicar. Hai pouco, foron as eleccións no meu concello, os meus amigos aportaron todo tipo de opinións, pero ningunha neutral. O curioso e que se baseaban en “o meu partido fixo isto, isto e isto, o outro no, polo tanto o outro é peor” ou en críticas que oíran sobre o partido contrario, sen preocuparse por encontrar os defectos do propio partido. Con isto non quero dicir que as súas ideas políticas fosen erróneas ou no, simplemente que o seu método para chegar a elas si.
Considero que debemos informarnos, pero sempre partindo da neutralidade, escoitando todo tipo de opinións, comprobando se o que nos dixeron é verídico, buscando datos pola nosa conta, etc. Despois, estaremos preparados para tomar unha decisión, e esa decisión será nosa. 
Por último, gustaríame contarvos o episodio que me animou a falar sobre isto, un dilema sobre o que está ben e o que está mal, o que ten importancia e o que non.
O pasado xoves tiñamos exame de Historia, a Revolución rusa, tema interesante de estudar se non fose porque a Lenin e a Stalin lles gustaba moito formar Consellos de comisarios, Asembleas de non sei que, cambiar a Constitución seguido... En fin, o día anterior ía polo corredor poñendo a caldo ao exame, cando me decatei de que o profesor de Historia ía detrás de min. Comecei a sentirme mal, aqueles comentarios estaban fóra de lugar, ademais el puido sentirse ofendido. O primeiro que pensei foi en pedirlle desculpas. As miñas compañeiras de clase e a profesora de Economía que estaba con elas, dixéronme que me esquecese do tema, seguramente non me oíra e aínda así non era necesario. Segundo a miña forma de pensar debíame desculpar, e así o fixen. Armeime de valor e soltei o discurso que tiña preparado. O profesor non me oíra, pero fixen o que cría correcto.

No hay comentarios:

Publicar un comentario